12/03/18

SEMANA DA PRENSA - VISITA DE IVÁN DÍAZ ROLLE

Na Semana da Prensa tivemos a visita dun antigo alumno do colexio, Iván Díaz Rolle que rematou os estudos de Xornalismo en Valladolid.
Iván fíxo unha pequena introdución ao papel do xornalista, como busca as novas, a que fontes recurre, as 5 W, e despois centrou a súa charla na Rolda de Prensa.
Como Iván traballou nun xornal como xornalista deportivo  deunos unha grata sorpresa... a visita de Lara Balseiro, xogadora de fútbol sala feminino no equipo do Burela FS.
Con ela practicamos a rolda de prensa e os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria fixéronlle unha morea de preguntas sobre a súa carreira deportiva, entrenamentos, compañeiras, equipos, proxectos de futuro...
Tendo en conta que foi tamén o Día da Muller Traballadora Lara falou do papel da muller nun deporte típicamente masculino.

01/03/18

CELEBRAMOS O DÍA DE ROSALÍA NO CENTRO

Relacionado co proxecto da nosa  biblioteca " Aprender a pensar", todos os cursos investigaron sobre mulleres pensadoras, filósofas, ...e elaboraron traballos sobre: María Montessori, Gloria Fuertes, Ada Lovelace, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Victoria Kent e María Zambrano. Con todos fixemos un gran mural.
Nas aulas fixemos un pequeno repaso da figura literaria de Rosalía  e recitamos e escoitamos algunhas das súas poesías.
Tamén participamos na proposta colectiva #AbrideAFiestra da asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega decorando as fiestras cos traballos elaborados.

21/02/18

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

RECURSOS:

 ROSALÍA CANTADA
Poemas musicados adicados a Rosalía feito pola Biblio de Carola.











Para expandir o poder da palabra de Rosalía de Castro entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra, ideadas a partir do manifesto da AELG:

Educación Infantil e Primaria
Para estas etapas de ensino o lema da proposta #AbrideAFiestra pode desenvolverse a través de actividades que permitan a cada alumna ou alumno facerse cómplice da Rosalía de Castro da que se sinta máis próxima/o. Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra,  propoñemos para o venres 23 de febreiro que cada alumna/o elabore, nun soporte que poida ser pendurado nunha fiestra ou pegado na parte interior dos vidros das fiestras (tea, cartolina ou similar), algún elemento iconográfico de Rosalía de Castro e/ou transcriba os seus versos soltos ou poemas completos para lles dar luz desde as fiestras e tentar facelos visíbeis socialmente.
Esta iniciativa pretende ademais que o alumnado comparta esta celebración coa súa familia e veciñanza. Para isto faríanse fotos do alumnado, acompañado ou non das súas persoas maiores, portando entre ambos outro pequeno cartel cun verso rosaliano da escolla da alumna ou alumno e mostrándoo nesas fiestras que, coa axuda de Rosalía, abrimos a un mundo e un tempo novo.
A documentación gráfica xerada por estas actividades sería subida á rede polo centro de ensino e polas familias antes do 24 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #AbrideAFiestra. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais. 

Dende o Ceip Eduardo Pondal de Vigo comparten este video sobre Rosalía:

15/02/18

ENTROIDO


Entroido 2018 

Preme no enlace de enriba e lembra activar o audio!

"Un Entroido de conto" O tema do noso Entroido foron os contos clásicos.
Durante a semana o Meco-Dragón deunos as consignas do que tiñamos que traer posto cada día.
  Os nenos e nenas de Infantil disfrazáronse de Peter Pan, Campanilla, Capitán Garfio e un cocodrilo. Os de 1º e 2º de Elmer, o elefante de cores. 3º e 4º de ratos e flautistas de Hamelín e os de 5º e 6º escolleron 101 Dálmatas para os seus disfraces. Tamén contamos cunha avoa contacontos O venres fixemos un desfile polo centro ao que asistiron as familias.
Despois do desfile todos os nenos e nenas cantaron as alpuxarradas coa letra alusiva aos contos e a canción do Entroido en Viveiro.
Despois de tanta festa, comimos as lambetadas típicas no patio do colexio.

05/02/18

DÍA DA PAZ

Durante unhas semanas preparamos as seguintes actividades para o Día da Paz.
-Mural sobre Xente extraordinaria.
-Canción "Quérote máis" con baile incluído.
- Lectura de  poesías sobre a paz.
-Elaboración do símbolo dunha enorme pomba da paz no chan do patio.
-Video dos nenos e nenas de 6º coa colaboración de Colin (o auxiliar de conversa) dicindo a palabra paz en varios idiomas.

Os nenos e nenas elaboraron un precioso mural sobre XENTE EXTRAORDINARIA que coas súas accións sirven de exemplo ou motivan aos demais a superarse e loitar por un mundo mellor. Os nenos e nenas de infantil buscaron información sobre JACQUES COUSTEAU, en 1º e 2º elaboraron un bonito mural sobre a iniciativa COGE3, os de 3º e 4º traballaron sobre ADRIÁN MARTÍN e en 5º e 6º a persona escollida foi DAVID AGUILAR. Ademais en 6º aportaron dous traballos sobre WANGARI MAATHAI e os CORRESPONDENTES DE GUERRA. Na biblioteca do centro temos expostos libros sobre a paz, convivencia e valores.