19/06/13

BO VERÁN DENDE A CGENDL

O curso 2012-2013 chega á súa fin e, durante un ano máis, desde a CGENDL tratamos de seguir traballando para facer máis doado e eficaz o labor dos Equipos de Normalización Lingüística. Tentamos ofrecervos actividades en común como o Día da Ciencia en Galego ou #recitandocelsoemilio, que espallaron polo país adiante, co alento de milleiros de rapaces e rapazas, a crenza firme na utilidade do idioma e un berro colectivo de autoestima arredor do galego. Tamén botamos a andar as revistas Ollos de aula e A letra miúda para levar contidos de interese e reflexións útiles para o noso traballo ás familias e aos docentes. Voltamos compilar máis recursos para as aulas e tentamos facer oír a nosa voz ante a sociedade e a administración. Neste labor todos/as somos necesarios/as e a CGENDL, como proxecto colectivo que é, anímavos a colaborar e xuntar forzas para que os Equipos sigamos a demostrar, dende a profesionalidade, o compromiso asumido coa lingua e a formación do noso alumnado. 
Aproveitamos a despedida para mandarvos un par de agasallos. O primeiro, unha proposta lectora conxunta da rapazada dos EDLG dos IES Pintor Colmeiro de Silleda e Chano Piñeiro de Forcarei, un tren de ida e volta que combina con orxinalidade o formato audiovisual cun abano literario para refrescármonos no verán coas lecturas.

 E o segundo é un agasallo musical, outra peza do incansable mestre Paco Nogueiras Nodar. Porque vén o verán é un “cantaroke” para, como di o autor, darlle a benvida ao verán, despedir o curso con “curtas despedidas e optimismo, gañas de pisar festas e viaxar”.
Saúdos normalizadores e recibide os nosos mellores desexos para este verán.


Para descargar a revista Ollos de aula (todos os números):

Páxina da CGENDL 

06/06/13

II DÍA DA ARTE GALEGA NA ESCOLA

Esta é a exposición coa que celebramos o Día da Arte Galega na Escola. Temos pezas de cerámica de Sargadelos, Buño, Gundivós, Otero Regal... Podemos admirar as obras de artistas como Caxigueiro,José María Prieto, Otero Regal, Abraham Corujo, Hortensio, Paco e sobre todo as creacións dos nosos nenos e nenas do colexio. 
Gracias a tod@s os que colaboraron nesta exposición.

II DÍA DA ARTE GALEGA NA ESCOLA

O martes día 4 celebramos no centro o II Día da Arte Galega na Escola homenaxeando a Luis Seoane. Esta edición está adicada á escultura e os nenos e nenas do colexio, coa axuda de dúas estudiantes de Bellas Artes e exercendo de monitores os alumnos/as de 6º de primaria, fixeron esculturas con grandes doses de creatividade e orixinalidade. Tamén temos unha exposición de obras escultóricas de artistas da zona: Otero Regal, Hortensio, Abraham Corujo... e de obxectos de cerámica de Sargadelos, Buño, Gundivós, Burelarte e Otero Regal. O mércores día 5 visitou o colexio o artista Otero Regal para dar unha charla sobre o seu traballo.

05/06/13

KAMISHIBAI

Este é o Kamishibai feito polos nenos e nenas de 6º. Adaptaron o conto de Ed Young e fixeron os debuxos. Agora toca lelo polas clases.

31/05/13

EXPOSICIÓN DOS TRABALLOS DA ACTIVIDADE "PRIMAVERA DE POEMAS"

Dende o día 13 ao 16 de maio estiveron expostos todos os traballos feitos polas familias dos nenos e nenas dos centros educativos da zona da Mariña. Todos os días houbo algunha actuación tanto dos alumnos/as como de profesoras. Esta actividade chamada "Apadriña unha poesía" é un proxecto conxunto entre os centros da zona: CEIP Pedro Caselles Rollán (Xove), CEIP de Cervo, CEP Lois Tobío, IES Vilar Ponte, IES María Sarmiento, CEIP Pedrosa Latas, CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo, EEI San Roque e o CEIP Plurilingüe de Covas. Agradecemos a todas as familias que participaron, profesorado e aos nenos e nenas que fixeron traballos moi orixinais.

21/05/13

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2013

Celebramos o Día das Letras Galegas na biblioteca cunha lectura e proxeccións dos contos que fixeron os nenos e nenas do 2º e 3º ciclo.
Para a celebración deste gran día tivemos que traballar previamente na elaboración de minilibros por parte dos alumnos/as de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria.
A clase de 3º elaborou un libro coa canción "Quen son?".
Os nenos e nenas de 4º fixeron o mesmo co conto "A lúa ladroa". En 5º adaptaron o libro "A escaleira". Na clase de 6º elaboraron tres contos: "Bebé bigotes", "O artista que pintou un cabalo azul" e "Rapunzel".
Despois da lectura na biblioteca cada alumno/a dos maiores entregaron un minilibro aos nenos e nenas máis pequenos do colexio (infantil e 1º ciclo).
Os pequenos quedaron encantados con este agasallo e corresponderon cun marcapáxinas das bibliotecas escolares co poema "Só un libro" de Paula Carballeira.
Aquí tedes as fotos deste día tan especial.