BO VERÁN DENDE A CGENDL
O curso 2012-2013 chega á súa fin e, durante un ano máis, desde a CGENDL tratamos de seguir traballando para facer máis doado e eficaz o labor dos Equipos de Normalización Lingüística. Tentamos ofrecervos actividades en común como o Día da Ciencia en Galego ou #recitandocelsoemilio, que espallaron polo país adiante, co alento de milleiros de rapaces e rapazas, a crenza firme na utilidade do idioma e un berro colectivo de autoestima arredor do galego. Tamén botamos a andar as revistas Ollos de aula e A letra miúda para levar contidos de interese e reflexións útiles para o noso traballo ás familias e aos docentes. Voltamos compilar máis recursos para as aulas e tentamos facer oír a nosa voz ante a sociedade e a administración. Neste labor todos/as somos necesarios/as e a CGENDL, como proxecto colectivo que é, anímavos a colaborar e xuntar forzas para que os Equipos sigamos a demostrar, dende a profesionalidade, o compromiso asumido coa lingua e a formación do noso alumnado.
Aproveitamos a despedida para mandarvos un par de agasallos. O primeiro, unha proposta lectora conxunta da rapazada dos EDLG dos IES Pintor Colmeiro de Silleda e Chano Piñeiro de Forcarei, un tren de ida e volta que combina con orxinalidade o formato audiovisual cun abano literario para refrescármonos no verán coas lecturas.
E o segundo é un agasallo musical, outra peza do incansable mestre Paco Nogueiras Nodar. Porque vén o verán é
un “cantaroke” para, como di o autor, darlle a benvida ao verán,
despedir o curso con “curtas despedidas e optimismo, gañas de pisar
festas e viaxar”.
Saúdos normalizadores e recibide os nosos mellores desexos para este verán.
Para descargar a revista Ollos de aula (todos os números):
Páxina da CGENDL
Ningún comentario:
Publicar un comentario