29/10/25

Preparamos o Samaín!

Este ano, no noso centro estamos a preparar a celebración do Samaín cunha temática moi especial: “Os malos dos contos”. Todo tipo de personaxes maléficos comezan a aparecer polos corredores do cole!

A galería xa se encheu de libros e imaxinación, converténdose nun auténtico túnel de historias misteriosas. Empregamos libros da nosa biblioteca para dar protagonismo aos contos e lembrar que tamén os malos teñen moito que ensinar. Por suposto, non podía faltar a nosa mascota, Lolo, que tamén se sumou á festa!

Ademais, engadimos fotos dos traballos do alumnado de Educación Infantil, que puxeron toda a súa creatividade e ilusión nestes preparativos. 

Xa chega o Samaín ao Covasmola...













Escolas visuais

Este curso o noso colexio foi seleccionado para formar parte do programa “Escolas Visuais”, unha iniciativa que escolle centros de educación infantil e primaria de toda España comprometidos coa creación dunha educación máis inclusiva a través do uso de ferramentas visuais.

O obxectivo principal do proxecto é facilitar a comprensión, a comunicación e a autonomía do alumnado. Mediante o uso de pictogramas, sinais e apoios visuais, pretendemos que o alumnado poida orientarse mellor polo centro, comprender as rutinas diarias e participar activamente na vida escolar.

Con este proxecto, avanzamos cara a unha escola máis accesible, acolledora e inclusiva, na que todos e todas teñan as mesmas oportunidades para aprender e comunicarse!




15/10/25

Saída "Un mar de diversidade"

 O alumnado de 4º participou hoxe na actividade “Un mar de diversidade”, unha saída moi especial na que puideron coñecer de preto distintas capacidades e realidades persoais a través de xogos e actividades manipulativas.

O proxecto ten como obxectivo fomentar a empatía e o respecto polas diferenzas, enmarcando o concepto de diversidade na variedade de pesca e de persoas que existen na nosa contorna. Durante a xornada, os nenos e nenas experimentaron algunhas das dificultades ás que se enfrontan as persoas con discapacidade, reflexionando sobre a importancia de valorar e apoiar a diversidade en todas as súas formas.

Foi unha experiencia moi enriquecedora, que nos axudou a mirar o mundo con outros ollos e a comprender que a diferenza sempre suma!





13/10/25

Gandaría "Alejandro Salvatierra"

 O luns 13 de outubro, o alumnado de 3º e 4º de Primaria realizou unha saída á Gandaría "Alejandro Salvatierra", situada en A Pontenova. Durante a xornada, os nenos e nenas puideron coñecer de preto o traballo no campo, os coidados dos animais e a importancia do respecto polo medio rural.

Queremos agradecer á ANPA do Covasmola a súa implicación, grazas á cal puidemos gozar dunha xornada diferente e moi especial!





02/10/25

"Peixe fresco do día" de Micromina teatro de títeres

 Hoxe tivemos a sorte de recibir no cole de Covas a Micromina co espectáculo "Peixe do Día". Todo o alumnado do centro puido desfrutar dunha representación chea de humor e aprendizaxe.

A través dos monicreques, abordouse a problemática dos residuos no mar e as consecuencias que teñen estas accións. Foi unha maneira divertida e diferente de concienciar aos nenos e nenas sobre o coidado do medio ambiente.

Unha experiencia que nos fixo rir e sobre todo reflexionar sobre a importancia de coidar o noso planeta! 💙💧




20/06/25

IV ROMARÍA COVASMOLA

Para celebrar o último día do curso, fixemos a nosa IV Romaría Covasmola!!!!

Cada aula propuxo un xogo: circuito de mobilidade, escondite inglés, relevos, movemos o esqueleto, dachball, roubar o rabo, atrapa a bandeira e o pano. Todas as aulas ían pasando por todos os xogos.

E, despois de tanto xogar, chegou o momento de preparar a nosa parva: bocadillos de pavo, queixo, tomate e leituga e tamén brochetas de froitas variadas!

Pero antes disto, o día anterior, un grupo de alumnado foi facer a compra de todo o que precisábamos no comercio local!

Bo verán a tod@s e vémonos á volta!!!! 😎🌞