Achégase a celebración do Magosto e, para poder gozar da degustación de castañas, precisamos a colaboración das familias na elaboración dun pequeno recipiente a partir dun brik.
Para facelo, só tedes que seguir os pasos que aparecen na imaxe.
Dentro do noso PDI «Pescuda Covasmola», o alumnado de 1.º a 6.º de Educación Primaria converteuse nun auténtico equipo de investigadores para descubrir curiosidades e coñecer mellor as orixes e as tradicións do Samaín en Galicia.
As actividades adaptáronse aos diferentes ciclos:
🎃 1.º ciclo: Unha viaxe polas cabazas de Galicia
A través do conto O noso Samaín, o alumnado descubriu como se celebraba esta tradición en diferentes lugares de Galicia e como se preparaban e utilizaban as cabazas. Así, achegouse ás costumes propias da nosa terra e ás particularidades desta celebración en distintas localidades.
🔎 2.º e 3.º ciclo: Investigadores do Samaín
Os maiores puxéronse a proba investigando diferentes afirmacións relacionadas co Samaín. Tiñan que pescudar información, contrastar datos e descubrir se cada afirmación era verdadeira ou falsa. Unha actividade para espertar a curiosidade, desenvolver o pensamento crítico e aprender a non dar por certo todo o que escoitamos!
Deste xeito, a través da lectura, da investigación e do traballo en equipo, seguimos descubrindo as nosas tradicións!
No noso cole seguimos a festexar o Samaín dunha maneira moi especial. O alumnado de Educación Infantil preparou uns recantos cheos de maxia nos que a luz negra foi a gran protagonista.
A través de diferentes propostas e actividades, as nenas e os nenos puideron experimentar cos efectos da luz negra, descubrir como brillan e resaltan as cores e mergullarse nun ambiente misterioso e divertido, sempre relacionado coa temática do Samaín.
Nesta experiencia tamén participaron os grupos de 1.º e 2.º de Educación Primaria, que tiveron a oportunidade de visitar os recantos e gozar destas actividades tan orixinais.
Un Samaín diferente, cheo de cores, sorpresas e moita maxia!
O alumnado de 4.º
de Educación Primaria pescudou sobre os seres mitolóxicos de Galicia e as súas
lendas, no marco do PDI de Bibliocovas “Pescuda Covas mola”, en
colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega e co programa de
Política Lingüística «21 días co galego +».
A investigación deu
paso á creación dun conto colaborativo que, posteriormente, se transformou no
guión cinematográfico da curtametraxe O noso Samaín. O alumnado
participou en todo o proceso: elaboración do storyboard, deseño do
vestiario, elección das localizacións, gravación do relato para RadioCovas e
traballo de alfabetización audiovisual.
A oralidade en
galego é un dos eixes deste proxecto, xa que permite desenvolver a expresión
oral, a lectura expresiva, a entoación e a comunicación a través de diferentes
formatos. Ademais, o alumnado convértese en protagonista da súa propia
creación, dando vida ás lendas da nosa cultura.
Todo este traballo
non sería posible sen a colaboración das familias, fundamentais para acompañar
a rapazada ás distintas localizacións de gravación.
Para documentarnos,
consultamos obras e recursos como O noso Samaín (Editorial Galaxia), o Dicionario
dos seres míticos galegos (Edicións Xerais), Portal das Palabras e A
chave da lingua.
Un proxecto que une
lingua, tradición oral, investigación, creatividade e cine, no marco das
iniciativas de Bibliotecas Escolares Alfin/ Ami.
O Samaín está a piques de chegar ao noso cole e xa temos preparada unha exposición moi especial!
Este ano, desde o equipo de Dinamización da Lingua Galega, escollemos como temática os seres mitolóxicos da tradición galega, como as meigas, os chupasangues, os lobishomes e outros personaxes cheos de misterio que forman parte das nosas lendas e traidicións.
Para completar esta celebración e implicar tamén as familias, propuxémosvos elaborar en familia vasoiras de Samaín orixinais e creativas. E o resultado non podía ser máis espectacular!
Xa podemos gozar dunha exposición chea de vasoiras únicas, elaboradas con moita imaxinación e ilusión, que enchen o noso cole de maxia e ambiente de Samaín. Queremos agradecer ás familias a súa colaboración e participación nesta iniciativa, que nos permite compartir momentos especiais e manter viva a nosa cultura.
Mañá festexaremos o Samaín no colexio, así que xa está todo preparado para vivir unha xornada terrorificamente divertida!
Moitas grazas a todas as familias por facer posible esta exposición tan especial! 💚
Esta semana, o alumnado de Educación Infantil está a mergullarse no mundo máxico do Samaín, descubrindo algúns dos seres máis característicos da nosa tradición galega: os trasnos, as meigas, a Santa Compaña e outros personaxes cheos de misterio e lendas.
A través de diferentes actividades, as nenas e os nenos están coñecendo un pouco máis o noso patrimonio cultural e as historias que forman parte da tradición popular galega.
E isto non remata aquí! Este venres 30 festexaremos o Samaín no cole e poderemos vir disfrazados de seres propios desta temática, como meigas, trasnos, ánimas, Santa Compaña...
O alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria realizou hoxe unha visita á Granxa Holstein, en Barreiros, grazas á colaboración e organización da ANPA do centro.
Durante a visita, tivemos a oportunidade de coñecer de preto o funcionamento dunha explotación gandeira e todo o proceso relacionado coa produción de leite. Puidemos observar as vacas, coñecer como se realiza a obtención do leite e descubrir as diferentes etapas que forman parte da elaboración do queixo.
Agradecemos á ANPA a súa colaboración e implicación nesta actividade, que nos permitiu gozar dunha xornada de aprendizaxe, descubrimento e diversión!
Hoxe tivemos o pracer de celebrar no noso centro a I XUNTANZA do alumnado de 6º de Educación Primaria dos centros de Viveiro e o Vicedo. Os nenos e nenas desfrutaron dunha xornada de actividades onde tiveron a oportunidade de coñecerse un pouquiño máis.
Xa está aquí unha nova edición de O Charlatán de Covas!
No noso xornal anual recompilamos algunhas das experiencias, actividades e momentos máis destacados vividos ao longo deste curso escolar. Nel poderedes atopar novidades, proxectos realizados polo alumnado, saídas, celebracións, entrevistas, propostas educativas e moitas outras iniciativas que forman parte do día a día do noso centro.
Convidámosvos a descubrir este novo número, elaborado con moita ilusión, no que recollimos unha pequena mostra de todo o aprendido, compartido e desfrutado durante este curso. Agardamos que vos guste!
Con motivo da celebración das Letras Galegas e tomando como inspiración a figura de Begoña Camaño, naceu no noso centro O PODCAST COVASMOLA.
Creamos un pequeno espazo de gravación na biblioteca do centro, transformándoa nun auténtico estudio radiofónico por uns días. Ao longo da xornada, cada curso foi realizando diferentes entrevistas a membros da comunidade educativa, abordando temas diversos e de gran interese. Ademais, tamén contamos coa participación das familias e do alumnado dende as súas casas, elaborando entrevistas a persoas da súa contorna sobre profesións, experiencias e temas da súa elección.
A continuación, deixamos o enlace para acceder a todas as entrevistas realizadas, tanto as gravadas no centro como as elaboradas dende a casa.
Para completar esta celebración tan especial, quixemos render homenaxe tamén á nosa bandeira. O alumnado de Primaria acudiu vestido de branco e o alumnado de Infantil de azul para representar a bandeira de Galicia no patio do centro. Con todos e todas xuntos realizouse unha fotografía con vista aérea que deixamos a continuación como recordo desta xornada dedicada á nosa lingua e á nosa cultura.
Con motivo da celebración das Letras Galegas, no noso centro tivemos a sorte de recibir a visita da contacontos Inma Soto e da clarinetista Tamara Soto co seu espectáculo Sinfonía de Contos.
Trátase dun espectáculo moi especial no que se combina o relato oral galego coa música e os efectos sonoros, creando unha experiencia única !
O alumnado gozou moito desta actividade, participando con entusiasmo e interese en todo momento. Sen dúbida, foi unha experiencia diferente e moi divertida tanto para os nenos e nenas como para as mestras.
Co motivo da celebración das Letras Galegas, no noso centro contamos cunha exposición dedicada á figura de Begoña Camaño, autora homenaxeada este ano.
Esta mostra foi instalada nas escaleiras do centro co obxectivo de que todo o alumnado poida achegarse a ela e gozar do seu contido ao longo da xornada escolar. A través desta exposición, dáse a coñecer a súa traxectoria tanto no ámbito persoal como profesional, permitindo descubrir a relevancia da súa figura.